Imagen del kibitka groupe en action

La musique

Sur le CD, il y a trois thèmes: "Portas", "Nómada" et "No feitizo da noite". Vous pouvez obtenir le CD dans boutique en ligne.

Textos do cd

Por Paula Carballeira

IDA HAЧAΛO

A música non é moi amiga de sentirse pechada entre paredes, tende a espallarse e a fuxir no vento, a reclamar a súa liberdade polos camiños. De norte a sur, de leste a oeste, ida e volta, melodías e cancións viaxan como equipaxe da KIBITKA que hoxe está aquí, pero co ánimo inquieto de quen sabe que aínda lle queda moito mundo por diante.

1 - Portas

Se non pechas a porta da túa casa, pode entrar alguén. E quen che di a ti que ese alguén non é xusto a persoa que estabas agardando? As portas pechadas agochan, as portas abertas amosan, e resulta infinitamente máis doado atravesar unha porta aberta que unha pechada, sen mancarte ti nin á porta. Por algo din que o mellor para atopar os misterios que viven detrás das portas sen chave é empurralas amodo, con coidado, e que unha vez achado un misterio sempre hai outra porta con outro misterio detrás, así non se perde a ilusión da descuberta.

2 - Chuperlika

Desde o Oriente, aló onde o sol despreguiza cada mañá antes de botarse a andar, chegan acordes que suxiren antigas danzas, segredos das terras do leste. Cando os escoitamos, podemos ulir especias que cambian os sabores, imaxinar o pasado das xentes que habitaron Bulgaria, e Macedonia.

3 - O acordeón soíño

Un acordeón quéixase de soidade, e non hai música máis triste, canción máis desesperanzada. Cando a soidade te agarra, só podes bailar a ritmo dela, desde o amencer ata o solpor. Vagabundea o acordeón para polo menos acompañar a soidade dos demais, e ninguén sabe de onde vén a súa música.

4 - Nómada

A calquera lle dá medo saír da súa casa e enfrontarse con todo o que hai fóra dela: outras persoas, outros costumes, a vida e a morte. Fóra da nosa casa sentímonos coma se acabásemos de nacer. Comezamos a camiñar, torpemente, e imos adiviñando que os camiños levan sempre a unha encrucillada, que somos nómadas por natureza.

5 - Maruska

Miña amiga, miña fidel Maruska, vouche falar do tempo que compartimos en Moscú, en Compostela, en Kiev, en Minsk ou La Habana. Non importa o lugar, senón que estabas ti, Maruska, e que corrías para romper o vento. Non importa que o camiño fose de terra ou de pedra, ti voabas, e eu voaba tamén. Agora caéronnos enriba os anos, Maruska, e podemos ir de vagar, pero cara ao mesmo destino.

6 - Jetak ará

Armenia, onde se cre que nalgún momento estivo o Edén, onde Noé pousou a súa arca despois do Diluvio, xusto enriba do monte Ararat, e Galiza, onde se di que nalgún momento estivo o Paraíso, onde Noé fundou a cidade de Noia, onde aínda caen diluvios, dous nomes para dous lugares irmáns, separados no espazo, pero non na música, nin na hospitalidade das xentes, nin nas lendas, nin nas historias.

7 - A pena de Xoana

Ás veces, ao acordar pola mañá, sentimos un peso no peito, coma unha tristeza, ou unha pena. As penas non teñen nome, válelles calquera, son as persoas que levan a pena dentro as que se chaman dalgún xeito. O seu nome depende de onde naceron, dalgunha esperanza ou algunha lembranza do seu pai ou da súa nai. Se a pena queda coa persoa moito tempo, vaise chamando coma ela, sáelle polos ollos, e a persoa chora porque xa non pode facer outra cousa, porque hai penas que chegan para non marchar.

8 - No feitizo da noite

Baixo a luz da lúa, no feitizo da noite, as fantasías vólvense realidades. E hai ánimas en pena na Santa Compaña, e ouvean os lobos nas montañas do Courel, e as lavandeiras limpan sabas de sangue nos ríos, e a maldade do urco visita as aldeas, pero tamén é cando se cantan a coro os conxuros e mediado o verán choven estrelas.

9 - Moldova

Na fermosa paisaxe de Moldova, o vento pode ser maino ou rebelde, os ríos atravesan os campos amodo ou co balbordo salvaxe das súas correntes. Os sons de Moldova traen saudade e alegría, baten nos nosos pés ata que notamos que queren despegar do chan e bailar ao ritmo dos ecos das montañas e dos vales, do violín e da gaita.

10 - Sultán

Os sultáns teñen sona de saber gozar da vida, por iso cantan a voz en grito, e celebran, e espallan a súa alegría. Cando nos sentimos sultáns ou sultanas a nosa única preocupación é atopar o seguinte motivo de festa, manter o poder de quen non pensa en mañá porque vivimos sempre no presente.

11 - Bolerito

Bailemos un bolero agarrados, pasiño a pasiño, deixando que os minutos escorreguen entre os dedos. Deixemos que o mundo xire, que viaxe quen queira á velocidade da luz mentres nolos dous aquí quedamos, bailando un bolero, un "bolerito", agarrados.

Partager:

www.000webhost.com